martes, 19 de febreiro de 2013

RECORDANDO A ROSALÍA DE CASTRO

Este ano hai 15o anos que Rosalía de Castro escribiu "Cantares Gallegos" que constitúe o primeiro libro escrito en galego nunha época na que a lingua galega estaba extinta coma lingua escrita. Moitos poemas do seu libro son glosas de cantigas populares, nelas Rosalía denuncia a miseria, a pobreza e a emigración masiva a que estaban obrigados os galegos, sen deixar de verte-los seus sentimentos e vivencias persoais. A continuación podedes escoitar un dos seus poemas máis coñecidos, que, por outra banda, pertence a dita obra.

Adiós, ríos; adiós, fontes. Rosalía de Castro

Adiós, ríos; adiós, fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,

prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,

muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar,

amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
caminiños antre o millo,
¡adiós, para sempre adiós!

¡Adiós groria! ¡Adiós contento,
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conoso
por un mundo que non vin!

Deixo amigos por extraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero...
¡quen pudera no o deixar...!

...............................

Mais son probe e, ¡mal pecado!,
a miña terra n'é miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ó que naceu desdichado.

Téñovos, pois, que deixar,
hortiña que tanto amei,
fogueiriña do meu lar,
arboriños que prantei,
fontiña do cabañar.

Adiós, adiós, que me vou,
herbiñas do camposanto,
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que nos criou.

Adiós Virxe da Asunción,
branca com'un serafín:
lévovos no corasón;
pedídelle a Dios por min,
miña Virxe da Asunción.

Xa se oien lonxe, moi lonxe,
as campanas do Pomar;
para min, ¡ai!, coitadiño,
nunca máis han de tocar.

Xa se oien lonxe, máis lonxe...
Cada balada é un dolor;
voume soio, sin arrimo...
Miña terra, ¡adiós!, ¡adiós!

¡Adiós tamén, queridiña...!
¡Adiós por sempre quizais...!
Dígoche este adiós chorando
desde a beiriña do mar.

Non me olvides, queridiña,
si morro de soidás
tantas légoas mar adentro...
¡Miña casiña!, ¡meu lar!

Rosalía de Castro (1996). Cantares Gallegos. (Vigo: A Nosa Terra)